Teleclubs somos toda a xente: 50 anos foron todo

Teleclubs somos toda a xente: 50 anos foron todo

Teleclubs somos toda a xente: 50 anos foron todo

Juan José García Rodicio

Falar de Teleclubs en Lugo é falar de Bazar, sen dúbida. E para falar de teleclubs en España, onde houbo por riba de 5.200 hai que falar dos preto do milleiro que houbo en Galicia. E en Galicia, en Lugo, que tivo arredor de 350, máis ca ningunha outra provincia española.

Naquel tempo no que falar de  Asociacionismo  estaba  proscrito  por un Réxime con demasiados militares, e que tiña unha memoria pouco amable coa xente que quixera poñerse no século XX canto antes; naquel tempo que alumeaba novidades e “desarrollos” viñeron os Teleclubs. Incluso os Planteles de Extensión Agraria tiveron que chamarse así “planteles”, porque non se puideron chamar nin “asociacións xuvenís”, nin “clubs”.

A invención dos teleclubs foi ben acaída, segundo programaron dende o Ministerio de Información e Turismo xente tan informada coma Jesús García Jiménez, director da Televisión Escolar (aquel programa no que apareceu por vez primeira un tal Félix Rodríguez de La Fuente para ensinar aos pícaros polas mañás da escola que era iso da natureza e a fauna, nunha televisión para educar).

Tamén estaba naquela idea dos teleclubs Adolfo Maíllo, un pedagogo que de ser mestre de aldea ata ser inspector e director das revistas de pedagoxía durante 20 anos, chegou a asesorar a Manuel Fraga niso dos Teleclubs. E el deixou escrito, xa no 1967: “En nuestra opinión el teleclub, concebido como instrumento preferencial de la acción sociocultural que utiliza como incentivo catalizador las emisiones de TV [...] sirve para: a) dar al tiempo libre empleo digno, en especial en los medios desfavorecidos en el orden cultural. b) intensificar y estrechar los lazos de convivencia, la comprensión, el respeto mutuo, el diálogo cortés, la tolerancia y la cooperación activa entre sus afiliados. c) perfeccionar su instrucción a base de los programas de televisión, seguidos de discusión. d) organizar otras actividades educativas y culturales diversas (lecturas comentadas, cine, audiciones musicales, charlas culturales, turismo social, teatro “amateur”, rondallas, exposiciones de artesanía…). e) favorecer las iniciativas de estudio y mejora de las condiciones de la vida local y de la convivencia ciudadana”.

Podemos asinar punto por punto que así foi, e con nota maior, en Bazar de Castro de Rei. Na revista dos Teleclubs Galegos en agosto de 1973, no resumo das actividades, vense reflectidos media ducia de monitores de Teleclubs de toda Galicia, e alí vemos a xovial fotografía de Luís Veiga. Que os teleclubs son algo máis ca clubs de televisión é algo que é difícil de facer entender a quen non os viviu.

A día de hoxe, en todo o estado español só existe un libro, en catalán, que fala dos Teleclubs das Illas Baleares, que chegaron a ser apenas 40. En Lugo, redondeando, dez veces máis. E non hai nada escrito. A magnitude abraia. Pero, que eran os Teleclubs? que lle contamos a quen aínda non cree que foron Polos de Desenvolvemento Social e Cultural, no rural? Que lle contamos á xente que cre que a Transición Cultural e Política se fixo só entre catro políticos? Onde estaba a xente que animou e votou todo iso? Onde estaba a xente, a que fixo historia nas cidades e no País? Pois no rural, obviamente, de alí partiu todo. Pero como facerllo ver á xente que escribe dende a cidade? Que dicir cando os estudos sesudos das universidades sobre a Historia de España non contan con que os Teleclubs existiron e existen, 50 anos hai xa, e atraeron a centos de milleiros de persoas ao terreo da cultura, da convivencia? (Pódese atopar no Mapa de Equipamentos Culturais http://mapas.consellodacultura.gal/icultura/). Podémoslle poñer varios exemplos en Castro de Rei, e en lugar destacadísimo Bazar. Temos que conseguilo, facerlles ver o que somos. E para iso temos que dicir con ilusión e orgullo de bos e xenerosos, que na nosa terra os teleclubs trouxeron a arte, a cultura, o deporte, a formación agraria e os desexos de convivencia á xente. Coma en todas as familias, haberá contrastes, luces, sombras, tempos bós de medrar, e tempos de querer cambiar cousas. As familias somos así, vivas, agradecendo o que nos deron, e aportando as nosas novidades para mellora común.

A xente xa hai ben tempo que iguala na mesma palabra o lugar, teleclub e a reunión de almas, a sociedade, a asociación que o animou: ambos son Tele-Club. Igualmente ca os cristiáns din igrexa e Igrexa. Todos somos parte, non somentes os oficiantes ou as directivas, ou as pedras. Sen participación dos vagóns non hai locomotora que leve gran cousa ao destino.

Os Teleclubs son o elo perdido e felizmente achado do asociacionismo durante o século XX. Foron e son as asociacións veciñais, culturais, deportivas das nosas parroquias cando xa o Franquismo remataba. Temos que seguir dicíndolle ao Mundo: nós xa alumeamos a democracia e a participación, nós xa traballamos para o común, nós xa estabamos no camiño da fraternidade, da liberdade e da cultura. Soubemos deixarnos axudar a ser mellores.

Din que existe unha razón que se porfilla coa emoción, cando un fala das cousas da súa terra, das cousas vividas, que saen polos ollos en bágoas frescas e amorosas. Eu síntome con vós, pobo de Bazar, cando recolledes o legado de 50 anos, e máis atrás, nos que tanto a cultura coma a arte, a fala amorosa entre nós, a tertulia apaixoada e amable campa polos corazóns. Síntome con vós cando alentades o deporte calquera que sexa, ben o deporte rei ou calquera da república de deportes aos que nos entregamos en corpo e alma. Cando enchedes o entendemento de arte, música, reunión de vontades, arredor dun refresco nos duros días. Eu tamén me sinto parte desta parroquia e deste Club.

Juan José García Rodicio, doutorando en Estudos Culturais da USC Lugo, co tema “Os Teleclubs”

Compartir